O Bipartito de Cuntis suprime os Orzamentos Participativos

O pasado xoves tivo lugar a sesión ordinaria do pleno municipal de Cuntis correspondente ao mes de xaneiro de 2019. Nela, o máis salientable da sesión foi a aprobación dos orzamentos municipais para o presente ano unicamente cos votos favorables dos socios do goberno bipartito (PSOE e BNG). Veciñanza, que presentara emendas ao proxecto, optou pola abstención.

Cómpre aclarar que o Goberno Municipal presentou esta noticia, polo que puidemos ver publicado esta fin de semana nalgún medio de comunicación, botando man de cando menos dúas mentiras clamorosas. Primeiro, é absolutamente falso que se “aprobaran parcialmente” algunhas emendas de Veciñanza, por iso non pode nin concretar cales nin demostralo. E segundo, é falso tamén que neste caso o Concello de Cuntis traballara “en tempo e forma, pois estes orzamentos aprobáronse o 31 de xaneiro, un mes despois de ter que prorrogar os do ano pasado.

O noso voceiro Municipal, Santi Martínez, deu conta da posición de Veciñanza e lamentou especialmente que o Bipartito liquidara a experiencia dos Orzamentos Participativos.

Nós presentamos un documento de emendas tanto aos presupostos como unha serie de propostas de investimentos con cargo ao Plan Concellos. Tratábase das áreas de saneamento do rural, instalacións deportivas, comercio local, coidado e mantemento do casco urbano e desenvolvemento turístico. Entre os investimentos propostos figuran, xa dende o ano pasado, algúns como a mellora da accesibilidade en espazos públicos ou o proxecto de rehabilitación do matadoiro vello. Está tamén, por suposto, o mantemento da cantidade de 50.000 euros para Orzamentos Participativos.

Xa na comisión puidemos constatar que non serían atendidas. Nós consideramos que este documento representa un trámite que reflexa a resignación e falta de ambición para acometer transformacións máis de fondo. Apostas políticas diferentes. As dotacións orzamentarias de varias partidas e a xestión dalgunhas áreas ás que nos referimos así o confirman.

Obviamente o grupo de goberno pode priorizar aquelas áreas que considere oportuno, e incluso pode dotar dun carácter electoralista estes orzamentos en ano electoral. Con todo, lamentamos en especial a supresión da cantidade de 50.000 euros para o desenvolvemento da experiencia dos Orzamentos Participativos. Esta iniciativa foi asumida no ano 2016 e tivo unha moi considerable participación veciñal, malia a precaria posta en marcha sen un regulamento claro, sen uns criterios previamente coñecidos e, como marca da casa, con notables carencias na promoción da iniciativa. Os dous anos seguintes, se ben se realizou, resultaba evidente que se trataba de cumprir o expediente pero sen ser algo polo que se apostara e no que se crera decididamente dende o goberno local. No caso dos proxectos presentados na convocatoria de 2018, este grupo a día de hoxe aínda non recibiu o listado de propostas presentadas malia dicirnos en reiteradas ocasións que se nos entregarían. É algo no que este goberno nunca creu, nunca se fixo unha aposta decidida, cun regulamento claro, cuns criterios definidos, cunha promoción suficiente nin cuns prazos amplos. Se existise unha vontade real abondaría con copiar as experiencias que están funcionando noutros concellos, pero nin iso.

Era previsible, polo tanto, que en ano electoral o goberno espremese ata o último céntimo sen deixar nada ao que puidese decidir a xente. É decepcionante porque os Orzamentos Participativos foron acollidos con entusiasmo ao comezo da lexislatura, e mesmo un dos socios do goberno, o BNG, o levaba no seu programa electoral.

Malia todo o dito, Veciñanza non vai opoñerse a que Cuntis conte cuns orzamentos novos, aínda que cheguen un mes tarde, porque así como presentamos as críticas non temos reparo en recoñecer que conteñen elementos positivos cos que coincidimos, e que incluso vimos reclamando dende hai meses. Nós entendemos que facer oposición, unha oposición responsable, non implica bloquear as contas municipais cando non son as que a un lle gustarían, porque con isto o que se fai é atacar á xente e non aos grupos políticos que gobernan. Non é o noso estilo, por iso o noso voto vai ser a abstención.

Na quenda de rogos e preguntas resultou especialmente intenso o debate sobre a intervención do Concello de Cuntis a respecto do acontecido no CPI Don Aurelio. Veciñanza lamentou que o Goberno Municipal non se mantivese do lado tanto da ANPA como da maioría do claustro de profesores/as á hora de esixir algo tan básico e sensato como un informe técnico da seguridade e salubridade do centro, situándose neste caso do lado da Xefatura Territorial da Consellaría de Educación. Con todo, e máis alá do fondo do debate, resulta sorprendente a reacción nerviosa e exaltada do Sr. Alcalde ante calquera comentario crítico.

Tamén se interesou o Grupo Municipal de Veciñanza pola entrada en funcionamento do Centro de Día de Cuntis, cuxa resposta o Sr. Alcalde non puido concretar unha vez máis, limitándose de novo a contestar cunha reacción e un ton seguramente fóra de lugar.

O resto dos asuntos propostos por Veciñanza foron sobre a vacante da praza de Técnico de Turismo, a solicitude de dous puntos de luz na aldea de Furco e os problemas da depuradora de Piso.

Como é habitual, Veciñanza grabou unha vez máis as imaxes para publicar o acontecido sen ningún tipo de filtro de ningún tipo. Velaquí.

Share

Tamén pode gustarche...